CASTELAO, OS NENOS E A INXUSTIZA

Esta comunicación foi presentada no “Congreso Castelao” celebrado en Santiago de Compostela do 24-29 novembro 1986. Foi publicada nas “Actas Congreso Castelao”, tomo I, pax 419-424. ISBN: 84-7191-569-3.

Para comprender o que quero dicir dentro desta pequena comunicación, penso que o mellor camiño que se pode coller é remontarse cara a atrás no tempo ata chegar ao momento en que cada un de nós se sitúe na nenez do ilustre rianxeiro. Para iso non hai máis que darlle corda ao reloxo do tempo, deixándonos levar pola corrente ata o ano 1886, no que nace, no pobo mariñeiro de Rianxo, o que co tempo había de chegar a ser o máis afouto defensor dos dereitos de Galiza. Nace na humildade dunha casa mariñeira onde, como en tantas outras, se vive do peixe que vén ás redes. O seu pai, Mariano Rodríguez Dios, decide dramaticamente, ao ano seguinte deste nacemento, marchar ás Américas en busca de fortuna. Na casa quedan Danieliño e máis a súa nai, viúva dun vivo. O que quero facer ver é que Castelao, xa dende neno, se viu marcado por unha das tantas traxedias desta sangrante terra, tantas veces repetida que terminará por parecer a cousa máis natural. Ao pai vanlle ben os negocios na Arxentina e vai facendo fortuna. A suficiente como para que aos poucos anos, no 1895, chame ao seu lado á muller e ao pequeno Daniel, que xa daquela aprendera a ler e falar castelán na escola pública de Rianxo, rexentada por D. Xosé “O Toco”1

Alá partiron nun barco cheo de seres que ían buscando o mesmo que eles: a prosperidade que a súa terra lles negaba. Instalados na Pampa, pasarán alá cinco anos ata que o pai, pensando na formación do fillo, se dá conta de que deben retornar para que o raparigo estude. Castelao ten 14 anos. Volven en 1900 enriquecidos, e isto marcará a vida do pequeno porque terá a posibilidade de estudar en Santiago e de facerse médico nuns anos nos que só podían chegar a este cume os sectores privilexiados da sociedade. Pero o destino de Castelao non estará en curar enfermos; o seu oficio vai ser máis difícil porque tratará de curar a alma de todo un pobo. Coas súas caricaturas sacará á luz, cun fino bisturí, as chagas e dores da súa patria. Tódolos complexos de inferioridade da súa Galiza.

Este pequeno que coñeceu a pobreza, que andou cos pés descalzos, que sufriu a emigración, que sentiu a “saudade” –ese “corazón dando sombra” que algunha vez lle chamará João Guimarães–, ao que na escola lle falaron nun idioma alleo ao que el empregaba para chamar ás cousas máis queridas polo seu nome: nai, pai, Rianxo… que se criou en medio de traballadores galegos do mar e da terra…2 ese picariño sempre viviu no corazón do Castelao adulto, e de aí asomou de vez en cando nas caricaturas e noutras manifestacións da súa arte para mostrarnos as dores e aldraxes que nunca chegará a esquecer.

Este recordo, que o tempo converteu en forte aguillón lacerando a súa alma, é o que Castelao aproveita para indicar a súa profunda protesta. El tratou durante toda a súa vida que outros rapaces, como eses que aparecen debuxados, non chegaran a sentir as feridas que el e eses picariños sentiron. Velaquí algúns dos exemplos que me propoño comentar:

– Qué miras? — Como comen.
– A ti no te pusieron nada los Reyes, porque tu papá es republicano, ¿sabes?
– Cuánto año tiene? — Non temos año ningún; temos unha ovella.
– Non veñas pedir á miña porta. — E pois logo, a ver cando vén vostede a pedir á miña.
– E papá volverá rico? — Abonda que veña san, meu fillo.
– E pra que son os deputados? — Eu non o sei, meu fillo.

Como se pode notar deseguido, estoume referindo soamente a aqueles casos onde a glosa de carácter social xorde do diálogo dos picariños nos deseños e gravados de Castelao. Casos hai en que os rapaces actúan como elementos de descrición na obra do noso autor e aos que, naturalmente, teremos que ter en conta máis só como necesarios para a mellor comprensión desta sinxela comunicación. Déixenme insistir aquí en que estes diálogos dos pequenos foron escollidos para observar atentamente a inxustiza tal e como eles se decatan dela. A resposta dada polo artista cando alguén lle preguntou por que non representaba as cousas amables de Galicia e as fermosas paisaxes que nela existen non fai máis que confirmar o dito: “Porque eu non lle teño vocación de estupefaciente”. El retrata en crúas estampas a eses seres de delgados corpiños, vítimas da crueldade dese mundo que aínda non construíron e que xa lles vén dado cheo de acedumes, de desigualdades, de incomprensións e de egoísmos.

Castelao foi un rebelde e a súa rebeldía tornarase liberadora para todos aqueles que el ve e pinta magnificamente nos seus gravados e caricaturas.

Souben polo azar que, no ano 1924, durante a ditadura de Primo de Rivera, o arcebispo Lago inaugurou as obras que Castelao presentaba no vello Seminario de Estudos Galegos. Ao pasar por diante dunha delas, que ao igual caas outras se achaba co pé tapado, ao arcebispo asomoulle un sorriso nos beizos que foi seguido deste comentario: «Ou caeu o pé ou lémbrome que aquí dicía: — Que comerá o rei? — Comerá… comerá… sucre». Acompañábao o tenente coronel Maristany, que deseguida lle murmurou: «Teña coidado, que está aquí o delegado gubernativo». Este pequeno exemplo constitúe unha mostra máis do temor que as ditaduras teñen a aqueles que lle chaman as cousas polo seu nome, e permítennos ver a hipocrisía dunha sociedade na que ninguén quere saber que os pobres existen, nin tan sequera a través duns “chistes” nos que os protagonistas son nenos. Sen dúbida, estaba falta do sentido do humor. Claro que, como dicía Mark Twain: “Debaixo do humorismo hai sempre unha gran dor; por iso no ceo non hai humoristas”3. E iso é o que hai tras os mal chamados “chistes” de Castelao. A realidade circundante impídelle rirse simplemente; o seu humorismo vai dirixido a furar no senso do espectador para chegar a moverlle o interior, a desacougalo e inclinalo cara ao ben. Son lategadas fulminantes sobre da conciencia e atopa, entre outros temas, no mundo dos rapaces un bo petadeiro para actuar sobre dela. É moi difícil ficar inmune a cousas como: — “Ai miña nai, por que o mestre non fala como nós?” ou a este outro: — “Se me tocase a min a lotería, compraba pan…”. Deste modo, as caricaturas que, cheas de luz, nos abren os ollos ao noso entendemento, son en realidade pinturas negras cubertas dese humorismo galego baixo o que latexa a socarronería.

Creo conveniente facer unha pequena diferenza entre o que é o humorismo, a ironía e a socarronería. Tal e como están expostas, mostran un grao de dor que vai en alza cara ao final. O humorismo de por si non fire; orixínase nun estado previo de tenrura, estado psicolóxico típico do “enxebrismo” galego no que reaccionamos ante a dor cun piadoso sorriso4. A ironía é esa retranca choqueira que forza ao sorriso; mais a derradeira, a socarronería, é como unha espiña que rabuña máis fondo e que forza á reflexión5. Respírase moita amargura tenra nos gravados dos rapaces do noso artista: — “O que sinto eu é que algún que maltratou a miña nai morra antes de que eu chegue a home”; — “E meu irmanciño terá que saír da terra para gañalo pan?”. A alma de Galicia que el soubo reflectir tan ben é socarrona, cualidade máis campesiña que urbana, que encerra unha filosofía chea de dúbida, de experiencia e de receo.

Nunha conferencia que el deu, dixo: “Mais un galego é sempre socarrón ou humorista, e a socarronería é o humorismo dos incultos, así como o humorismo é a socarronería dos cultos”6. É a realidade lastimosa da terra a que lle obriga a trocar a risa pola mordedura. Buscou a verdade e topou con ela. Ao igual que outro home, Goya, anterior e, porén, semellante, retratou ese cuarto escuro da sociedade, eses trastos incómodos que ninguén quere ver porque non teñen dozura —eses parentes pobres tan incómodos: “Toma este café, ¿si?, meu meniño, que custa dous reais”. Os dous artistas, cada un no seu tempo, mostraron as feridas das que a sociedade, fose por lo que fose, non quere ollar a sordidez que ela mesma enxendra. Resúltalle máis pracenteiro taponar os sentimentos e chegar a facer realidade o Capricho goyesco: “O sono da razón produce monstros”. Semella ser algo así como o que ocorre coa cara oculta da lúa, xa que todos temos coñecemento e, porén, fica para nós sempre nas tebras. A insensibilidade crea a cegueira voluntaria. Paradoxicamente, os dous padeceron un defecto físico: Castelao a cegueira e Goya a sordeira, que os levaron a “profundar” nos recovecos da alma, abríndolles as portas a eses buracos do inferno cotián. Transcenden o localismo e tocan as cordas máis finas da sensibilidade pulsando temas universais: o paso do tempo, a crueldade dos homes, a liberdade, o poder e a forza, as “inxustizas da xustiza”7, a impotencia dos menesterosos fronte ao manexo das leis en contra súa: “Unpadrenuestriño para que Deus nos liberte da xusticia” ou o Capricho goyesco “¡Qual la descañonan!”. Por así dicilo, pasaron por circunstancias tan semellantes que cada un pola súa banda sufriu a barbarie duns conflitos nos que ninguén gañou ren; só a besta do home campou e bailou sobre os mortos para vergoña da humanidade, pero ambos os dous atoparon a inspiración para facer uns gravados que conmoveron a miles de persoas pola violencia e a ira que neles aniña. Estoume a referir a “Os desastres da guerra” do xordo e a “Galicia mártir”, “Atila en Galicia” e os “Milicianos” do cego.

Outro elemento en común atopámolo na utilización deses pequenos pés, frangullas exquisitas de literatura imposibles de arredar do debuxo, tan expresivas como: “Bueno… e logo como son os cangrexos de Madri? – Encarnados”. Pero a crítica tense preguntado cal das dúas artes sae máis beneficiada: o elemento plástico ou o elemento literario, ou é á inversa? Difícil resposta que deixo ao parecer de cada quen.

Aínda existen máis nexos de unión: os dous beben en fontes populares, van en pos da verdade que atopan na xente chá. Utilizan expresións que mostran a sabedoría tradicional; algunhas frases volveron ao pobo de onde viñeran: así espallouse o “Mexan por un e hai que dicir que chove”, etc., no caso do galego, e o “Ya tienen asiento”, “Que pico de oro”, etc., no caso do aragonés. O artista chega a sentir a dor do seu pobo enraizada no seu corazón como se fose a súa propia dor. Por iso son populares; é algo semellante ao ocorrido con Rosalía. Goya e o Valle-Inclán dos esperpentos son os antecedentes máis claros de Castelao; a Galicia eterna e forte, non a doce de exportación, faise presente vestida coas caretas esenciais do seu xesto rural. Castelao, nos seus logros expresivos, é a mellor das ilustracións das obras valle-inclanescas8. A dura temática está presentada neles como caricatura social.

Finalmente, vou facer unha referencia breve ao papel xogado por Castelao no ámbito estrito da galeguidade. El recolle o lume sagrado aceso polos Precursores. De Rosalía a Curros arrinca máis directamente que de ningunha outra fonte a súa revolta9. Eles son os seus devanceiros na protesta social. Non foi un exemplo de artista e intelectual illado, senón que se formou nunha constelación xeracional que significou para Galiza o que en tempos viña a ser a Vía Láctea para os peregrinos a Compostela: a vía para a recuperación do noso sentir nacional. Eles foron os guieiros para unha patria non suicida, como algún día lle chamou Castelao, pero si asoballada. Di Luís Seoane10 que a pobreza, a burla, o desprezo, o asoballamento, a afronta, o sufrimento e a morte foron os motivos que serviron a Castelao para soerguer a Galicia, e todas estas mágoas aparecen reflectidas nos gravados dos nenos. Una das xustificacións de que o artista teña empregado estes picariños como instrumentos para a expresión da inxustiza en abstracto estará na selección deste período da vida do home polas características que ela ten, en tanto que é nesta época cando o xénero humano se atopa máis indefenso e, por iso, pode ser máis atacado que nunca polos malfaceres da humanidade. Eles, os nenos, son o mellor espello para reflectir ese mundo noxento que xa lles vén dado así, como se todas esas cousas inxustificables que eles ven fosen “cousas da vida”, sendo como son case sempre cousas dos homes, só que cousas mal feitas. E este é o chamamento que Castelao fai coas caricaturas dos nenos con cousas como esta, derradeira xa nesta comunicación: “E ti sabes os mandamentos da lei de Dios? – Non señor, porque como anda por aí o runrún de que xa están suprimidos”.

María Xosé Costa Alcalde

  1. Núñez Bua, X. (1983) A Nosa Terra (Bos Aires), 32(474). Edición facsímile. Pontevedra: Asociación Cultural. ↩︎
  2. Inspirado nun discurso pronunciado nas Cortes en 1931. ↩︎
  3. Castelao, A. D. R. (1968). Cousas de nenos. Vigo: Editorial Galaxia. ↩︎
  4. Blanco-Amor, E. (1986). «Castelao, dibujante y escritor humorista». En Castelao 1886-1950. Madrid: Ministerio de Cultura. ↩︎
  5. Pesqueira, J. (1986). «Castelao y el humorismo gallego». En Castelao 1886-1950. Madrid: Ministerio de Cultura. ↩︎
  6. Castelao, A. D. R. (1920) Humorismo. Dibuxo humorístico. Caricatura. Coruña: Real Academia Galega. ↩︎
  7. Filgueira Valverde, X. (s.f.). Limiar de 175 debuxos de Castelao. Santiago de Compostela: Editorial C.A. ↩︎
  8. Durán, J. A. (1981). El primer Castelao. Madrid: Editorial Siglo XXI. ↩︎
  9. Paz-Andrade, V. (1982). Castelao na luz e na sombra. Sada (A Coruña): Edicións do Castro. ↩︎
  10. Seoane, L. (1975, 7 de xaneiro). «Castelao, artista». La Voz de Galicia (Texto tomado del libro: Seoane, L. (1969). Castelao artista. Bos Aires: Editorial Alborada). ↩︎

Descubre más desde Lume no pazo

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo