POR UN NOVO TEMPO DE ESPERANZA
E ACCIÓN CULTURAL PARA GALICIA
O presente manifesto parte dun diagnóstico claro: Galicia atópase nunha encrucillada histórica onde a crise sistémica ameaza a nosa identidade nacional, a nosa economía e o noso futuro colectivo. Porén, lonxe de caer no desánimo, afirmamos que esta crise é tamén a nosa maior oportunidade para construír, desde a base, a Galicia que merecemos. A nosa cultura, a nosa lingua e a nosa memoria non son vestixios do pasado, senón o alicerce vivo da nosa emancipación.
O MARCO DE 1978: A FARSA DA TRANSICIÓN
A chamada monarquía parlamentaria, herdeira directa da ditadura franquista imposta tralo golpe fascista de 1936, instaurou o réxime de 1978. Isto foi posible grazas á aceptación das elites económicas e políticas galegas do marco autonómico. Estas elites optaron por dar credibilidade a esta farsa coa súa participación, aínda que secundaria, nos beneficios da explotación das clases populares que, naqueles momentos, ofreceulles o réxime. Os seus representantes venderon o debate electoral (autonómico e estatal) como a única vía para o progreso económico e o avance en dereitos sociais e nacionais. En Galicia, a adhesión a este marco produciuse cunha débil base democrática: o Estatuto de Autonomía impúxose cunha participación de só o 20’80%, grazas ao aval de partidos reformistas e oportunistas que conformaron os soportes institucionais da mal chamada Transición.
Cincuenta anos despois, os obreiros e traballadores nada temos que celebrar. A prometida mellora derivou nunha aguda crise política, social e económica. No noso caso, como nación, concretouse nunha redución drástica e folclórica dos nosos dereitos nacionais, da nosa lingua e da nosa cultura. A desfeita é de tal dimensión que obriga aos voceiros institucionais a xustificar a diario a erosión e o desmantelamento do chamado “Estado do Benestar”. Desmantelar pensións, sanidade, educación, prestacións sociais… Todo para manter os beneficios empresariais a conta do público, de esquilmar aínda máis os nosos minguados e desvalorizados salarios, apropiándose tamén do groso dos nosos impostos para, entre outros, aumentar os gastos militares.
∙ O Reto é a Oportunidade: As novas xeracións xa non poden aspirar ás condicións de vida anteriores! Aceptamos o reto! É o momento de rexeitar a resignación. Debemos entender que a defensa da sanidade, a educación, a vivenda, os salarios dignos, a lingua, a explotación dos nosos recursos naturais… non é un mero mantemento, senón a primeira fronte da nosa soberanía popular.
∙ O Poder da Participación: O Estatuto impúxose cunha base democrática débil, pero hoxe, o noso compromiso e a nosa mobilización teñen a forza de reverter esa inercia. A nosa participación activa e crítica, sen render obediencia ás institucións do réxime, traballando con independencia das súas leis, é a verdadeira papeleta para o futuro.
O DIAGNÓSTICO SOCIOECONÓMICO DE GALICIA
A realidade económica e social da nosa nación é de profunda regresión:
A. O Declive do Tecido Produtivo. Perdéronse máis de 40.000 empregos industriais en catorce anos. O sector naval non acada hoxe a cuarta parte dos seus traballadores históricos. Na pesca e as conserveiras, o número de traballadores descendeu a aproximadamente 50.000, en condicións de precariedade. O rural avanza cara ao despoboamento e as explotacións son controladas por un número reducido de grandes consorcios cuxo obxectivo é a explotación de recursos a baixo custo (como o caso Altri).
B. A Terciarización e a Diáspora. O sector servizos acolle ao 60% da poboación activa, cun turismo maioritariamente de baixo poder adquisitivo controlado por grandes operadores internacionais. O número de galegos no estranxeiro supera os 548.000, sumándose nos últimos anos titulados universitarios e profesionais cualificados pola falta de oportunidades e os salarios baixos.
∙ Remodelando a Base: Fronte ao control dos consorcios, a nosa conclusión é esperanzadora: a defensa da Ulloa, da Ría de Arousa, e o control das nosas explotacións agrarias e pesqueiras deben ser os eixes da nosa economía soberana.
∙ A Diáspora como Catalizador: Os galegos no estranxeiro son unha rede potencial de coñecemento, experiencia e apoio. Debemos xerar as condicións para que o talento que marchou atope aquí un proxecto profesional digno onde o galego sexa lingua vehicular de ciencia e innovación.
C. A subordinación da mobilidade como síntoma de subordinación ao Estado centrista. Tal como aconteceu unha e outra vez ao longo da nosa historia, o centralismo segue desestruturando o país e dificultando a mobilidade interna e en relación con Portugal, potenciando así, unha e outra vez, as vías cara Madrid, o que contribúe de xeito dramático ao desmantelamento do rural.
UN PANORAMA SOCIOCULTURAL DE RISCO
Se a esencia de Galicia reside na súa xente e a súa fala, a situación é de risco real de perda da identidade propia.
A. Crise da Lingua: Hoxe, a lingua maioritaria en Galicia é o castelán (máis do 53% de uso cotián), e a tendencia é á alza, especialmente entre a mocidade (só o 7% dos nenos de 5 a 14 anos fala galego diariamente). O marco legal (Decreto do Plurilingüismo) limita o seu uso académico a menos do 50% e exclúeo das materias científico-técnicas. O galego queda reducido a un elemento simbólico ou souvenir, non a unha ferramenta de futuro. Detrás destas cifras está a histórica opresión nacional que sofre Galicia, o rol subordinado ao castelán e con propósito de marxinación que lle outorgan o estado central e as súas institucións autonómicas. O idioma se reparte en tres apartados: o inglés, o castelán e o galego, sendo o galego o idioma menos prestixiado dos tres e polo tanto o que máis implemento precisa. Leva séculos de afastamento e precisa máis aplicacións afectivas e efectivas que lle dean propiedade de uso, necesidade de uso, utilidade certa. A Inspección de Educación alíñase sempre con impedimentos e problemas, ampárase na lexislación caduca antes que nos principios pedagóxicos e didácticos. Unha inspección, que salvo honrosas excepcións, moi poucas, foron xa represores e conservan ese corporativismo censor, en exclusiva, do Galego e do desenvolvemento crítico do noso xenial modo de entender o mundo, desde os nosos códigos de entendemento, sen precisar autorización nin dependencias de Madrid.
O que non foi quen de eliminar a ditadura, un muro de falantes de case a totalidade da poboación, destrozouno a mal chamada democracia en tempo récord. A clase obreira por fin era libre de padecer, sen dereito a queixarse, unha discriminación lingüística brutal e un ruxerruxe subliminar constante e demoledor que repetía os mesmos prexuízos instaurados desde a literatura española do Siglo de Oro: montunos, paletos, ignorantes… O galego segue carrexando a etiqueta de dialecto inservible e a nosa xente segue desertando pola presión e o medo. Pero os responsables directos das agresións á lingua galega non son os fascistas, senón os axentes “normalizadores” que esqueceron lemas como: galego lingua vehicular do ensino. Hoxe é evidente que o proceso de exterminio só se detén pechando as portas do parlamento e das escolas. A escola en galego, o audiovisual en galego, a ciencia en galego. E se non paralizamos o sistema ata que isto cambie, a lingua morre con nós.
B. Redución Cultural e Ocultación da Memoria. O noso patrimonio redúcese a un conxunto de símbolos superficiais e pintorescos (Camiños de Santiago, marisco…) pola súa rendibilidade turística. A represión e a desmemoria ocultaron a historia dos oprimidos e dos nosos referentes.
Lingua, Traballo e Desenvolvemento: A solución está en rexeitar a subordinación. O galego debe ser lingua vehicular e estratéxica en todo o sistema educativo, especialmente nas materias científico-técnicas. A Lingua Galega, en Galicia, non é subornable nin cuestión de tratos e tratados. A Nosa Lingua é un dereito inalienable, como o de todos os pobos do mundo. E como tal non é negociable porque é parte fundamental e principio da nosa Soberanía. Trátase de reconstruírnos e de pensar en Galicia, en galego. Por iso non vale a interpretación ou tradución, como fan na RG ou na TVG. Trátase de potenciar e recoñecer a quen emprega ben, sabendo seren portadores e portadoras desa clase de máxico entendemento que nos foron sacando.
∙ Recuperar a Memoria para Proxectar o Mañá: A memoria silenciada dos represaliados é o maior depósito de valores e compromiso que temos. Rescatar e politizar as súas historias é a forma máis poderosa de xerar unha cultura comprometida.
POR UNHA CULTURA ACTIVA E MOBILIZADORA
Un Movemento Cultural Activo é unha necesidade histórica para a supervivencia e a dignidade. Como defendía Curros Enríquez para o Rexurdimento non se pode desenvolver un movemento político emancipador sen un movemento cultural que lle dea soporte. É o momento de mobilizar a sociedade en todos os terreos. Urxe articular un amplo movemento político-cultural antifascista, antiimperialista e, por suposto, republicano, con base na clase obreira, os traballadores e as masas populares, ligado ás súas necesidades e aspiracións.
A. O Compromiso de Conciencia. A cultura, entendida como memoria, valores e visión de futuro, non pode ser neutral. Ou se está cos traballadores ou coa burguesía. Por iso debe ser: Comprometida, Crítica, Instrumento para a Concienciación sobre a opresión nacional e Memoria e Referencia para a loita presente.
B. A Lingua e a Cultura como Eixes de Soberanía. A defensa da nosa lingua e cultura non é unha cuestión sentimental, senón unha fronte de batalla política pola nosa supervivencia e desenvolvemento. Unha lingua só sobrevive se é útil para a vida moderna e produtiva. O galego debe ser lingua vehicular en todos os ámbitos da vida social, política e cultural. A creación cultural debe xerar contidos que representen os valores, as loitas e as aspiracións das clases populares.
C. O Camiño da Emancipación Colectiva. Só a loita organizada das clases populares, na procura da súa emancipación integral, ten o interese real en impulsar e defender os dereitos nacionais. A loita pola liberación nacional está intimamente ligada ao cambio social profundo. Non abonda con falar galego; compre construír Galicia. 00
CHAMADA Á IMPLICACIÓN: UNHA FOLLA DE RUTA ESPERANZADORA
O Movemento Cultural Activo é unha necesidade histórica para a supervivencia e a dignidade. Convocamos a creadores, intelectuais, activistas, mulleres e homes traballadores e mocidade a abandonar a pasividade institucional e a actuar mediante as seguintes liñas de traballo:
1. FIN DA FOLCLORIZACIÓN E RECUPERACIÓN DA MEMORIA:
∙ Creación e Difusión Comprometida: Organizar redes de produción cultural (literaria, audiovisual, musical) que aborden a realidade da explotación social e a loita en galego.
∙ Rescate e Divulgación da Memoria: Promover ciclos de debate e investigación para recuperar a historia silenciada dos represaliados e líderes galegos, conectando o seu legado coa loita actual.
2. A LINGUA COMO ESTRATEXIA DE FUTURO:
∙ Esixir a Plena Normalización: Mobilizarse esixindo o uso vehicular do galego no ensino e na administración, superando o marco de subordinación actual, con departamentos de apoio do Galego en todas as institucións, comunicados e notificacións, avisos, conversas, reunións, no audiovisual, no comedor escolar, nas actividades extraescolares, nos corredores entre o profesorado, …dándolle o prestixio que lle foi roubado: devolvéndollo con toda a dignidade e facelo con orgullo de ser. Reivindicar o portugués como primeira lingua estranxeira na escola. É unha ferramenta moi accesible que se lle rouba aos nosos nenos e ademais a mobilidade de traballadores Galicia-norte de Portugal é brutal en ambas direccións. E tamén compre reivindicalo por irmandade, historia e tradición.
∙ Crear Contidos Estratéxicos: Fomentar a tradución e a creación de contidos científicos e tecnolóxicos en galego, para garantir a súa vitalidade na modernidade.
3. A LINGUA É A NOSA PARTIDA: CONQUISTAR A MOCIDADE
É vital que o galego sexa unha ferramenta útil, atractiva e imprescindible para o seu futuro dixital e social.
∙ Lingua da Ciencia e a Técnica (CTE): Promover a creación de termos, aplicativos e recursos de código aberto en galego. Patrocinar certames e obradoiros intensivos de programación onde o galego sexa a lingua de creación e exposición.
∙ Cultura Dixital e Lecer: Apoio económico e técnico a novas voces creadoras de contido (persoas que emiten en directo, influentes e videocreadores) que empreguen o galego de forma natural e atractiva nas Redes e Canles de Streaming (TikTok, YouTube, etc.).
∙ Videoxogos e Entretemento: Promover a tradución de interfaces e a dobraxe de videoxogos de sona e fomentar a creación de xogos electrónicos galegos. Crear espazos de ocio comunal e faladoiros onde o galego sexa a lingua natural de expresión.
4. UNIDADE POPULAR E REXEITAMENTO DO OPORTUNISMO:
∙ Vinculación Popular: Articular a produción cultural coas loitas sociais e laborais (defensa da industria, do mar, sanidade). O movemento debe ser un altofalante das demandas da cidadanía.
∙ Defensa dun Proxecto de Ruptura: Denunciar a aqueles que manteñen o marco autonómico e usan os dereitos nacionais como moeda de cambio. A liberación só será efectiva se parte dun proxecto de transformación estrutural.
Se queres adherirte ao noso proxecto, escríbenos a lumenopazo@gmail.com
