Na retina dixital das cámaras dos turistas, mulleres a angazar na area, mar de fondo e grises envolventes da borraxeira do amencer. Foto para enmarcar. Estampa bucólica do typical Galicia promovido desde o parlamentiño. Despois, paseo ata a Praza do Obradoiro a ver a Catedral e ración de polbo nalgún restaurante de operadores de turismo da rúa Franco. Día para colgar no Facebook e comentar no Tripadvisor! Para a Xunta, outro éxito para sumar á estatística: 8,8 millóns de turistas ao ano. Rueda con cara de Tío Gilito e os comparsitas do parlamentiño a poñer o cazo. Nos titulares mediáticos: “Galicia prospera!”.
Mais o reverso de tal estampa é moi outro: mulleres fartiñas de loita e traballo ás que o oficio xa hai tempo que non lles dá para comer.
As estatísticas tamén dan conta desta outra cara da bucólica foto. Mais son esas que non publicitan os telepredicadores do monarcoparlamentarismo, claro. Hoxe o número de mulleres que andan a labrar no mar flutúa entre 2.200 e 2.800 profesionais. A metade que hai dez anos e tres veces menos que a principios de século. Ano tras ano son moitas as que piden papas. E as que seguen aguantando é a base de multiplicarse por dous e por tres en postos de traballo. Pola mañá no mar, pola tarde a servir mesas, limpar casas ou o que terce. So así deixa de sobrarlles mes a fin de ingresos.
Culpable? O discurso oficial teno claro: o cambio climático! Hoxe non hai roto ou descosido que non xustifiquen nel. Sobe a temperatura das augas, morren os froitos do mar, non se enchen os cestos, xa non se pode gañar como antes. Este é en esencia o seu fío argumental. Sorte temos os galegos de a pé de que o tal cambio climático non coza por igual outros mares! Nas peixerías non faltan croques, ameixas, zamburiñas… chegadas doutras ribeiras: de Portugal, Marrocos, Italia, Canadá… a prezos aos que aínda chegamos, porque os das nosas rías non hai quen os pague. Elites á parte, claro. Nas súas mesas, aí si, aí nunca faltan.
Quedan de tal xeito exoneradas de culpas, por razón climáticas, a depredación intensiva, por anos e anos, das nosas rías, levada a cabo polos grandes monopolios da industria pesqueira e litoral; a sobreexplotación dos recursos hídricos dos ríos que lles doan as súas augas e que de xeito natural actuaban de reguladores da súa salinidade; as megaempresas contaminantes que como a líder europea en produción de celulosa, ENCE, o envelenan todo ao seu redor e mais alá; as granxas da acuicultura que alí onde fican converten as augas nun lamazal fedorento de restos de antibióticos e outros químicos dos pensos de engorde… E queda tamén fóra de toda culpa, como non, a notoria falta de investimento público en mantemento de tan importante parte do noso patrimonio natural e produtivo.

O que non consegue cegar tanta luz solar son os miserables ingresos das mariscadoras. Máxime se os poñemos en relación cos altísimos prezos aos que chegan a venderse os bivalvos autóctonos nos supermercados. A lei da oferta e a demanda que rexe nos mercados capitalistas fai que cando a produción é moita en relación coa demanda os prezos baixen e que suban cando é á inversa. As grandes colleitas, en mar ou terra, páguense á baixa e as escasas á alta. Esta é a teoría.
Mais neste caso non se corresponde coa práctica. O que deses elevadísimos prezos dos bivalvos autóctonos fica nos petos das mariscadoras é mínimo, cando non insignificante. E isto é así porque en realidade elas non teñen o control da súa produción. Para nada. O único que teñen polo mango son os angazos.
As que impoñen os prezos de saída de peixes e mariscos e multiplican beneficios son as grandes empresas da distribución alimentaría. Elas son as que hoxe teñen o control de feito de lonxas e depuradoras. As confrarías cada vez pintan menos, teñen menos poder de decisión e, ademais, chantaxéanas coa ameaza de aumentar as importacións de bivalvos doutros mares. A destacar Gadis, a do Vivamos como (á conta dos) galegos!, que a través da súa filial Pescamar S.L.U. exerce posición dominante na maior parte das lonxas e depuradoras, e a través da súa participación en diversas “mesas de traballo” da Consellería do Mar fai valer os seus intereses en concesión e condicións de explotación, límites de capturas… Ante nós a resultante real diso de dar prioridade aos capitais galegos que nos vende como vía de desenvolvemento o nacionalcolaboracionismo institucional. Autóctona ou estranxeira a explotación capitalista explotación é. Ganancias para uns poucos, miserias para a maioría. O resto son historietas para adozarnos o trago.
O mar de fondo que os fidalgos do parlamentiño e os seus medios de difusión ocultan tras do incremento da radiación solar é que a bancarrota crecente das formas tradicionais de explotación das nosas costas e mares está perfectamente calculada e vén de tempo. O obxectivo é pór a explotación de mar e costas en mans do empresariado industrial local e internacional. Sobran confrarías, sobran mariñeiros, sobran mariscadoras… As augas e praias daranas en concesión a unhas e outras empresas. Unhas encheranas de gaiolas e outras araranas mecanicamente…
Referente: a explotación do “salmón Noruegués” nos fiordes chilenos. Se os turistas aínda poden capturar fotos de mariscadoras a traballar é porque a crise xeral que convulsiona o capitalismo mundial forzou a demora, cando non paralización, dos grandes plans de reconversión.
O Tío Xocas
