O PANÓPTICO DO PAZO DA LAMA:| O TEATRO DO OASIS GALEGO E| O CREPÚSCULO DA AXENCIA

O xeito intelixente de manter á xente pasiva e obediente é limitar estritamente o espectro de opinión aceptable, pero permitir un debate moi animado dentro dese espectro.

Noam Chomsky

A demolición do pensamento complexo

A tese que aquí se bota por diante sostén que o abandono da función de informar en España non foi un erro de traxectoria, senón o desmantelamento deliberado dunha infraestrutura crítica. Buscábase reducir ao mínimo a capacidade de análise do cidadán. Para que o complexo financeiro e mediático funcione ao seu antollo, fáiselle necesario incapacitarnos. Que aínda tendo a verdade diante, non saibamos que facer con ela. Esta incapacitación opera mediante o asasinato do pensamento complexo: a facultade de conectar as dimensións da realidade. Sen esa visión sistémica, a realidade fragméntase en titulares inconexos. Un peche de camas nun hospital de Ourense xa non é un plan político, é un suceso illado. O mundo convértese nun simulacro inofensivo. O noso aparvamento non é ausencia de datos, é a incapacidade de ligalos entre si. É a vitoria do simplismo atomizado sobre a rede de fíos que sostén a vida.

A diglosia de deseño e a fraude do algoritmo

Esta demolición ten en Galicia unha ferramenta de precisión cirúrxica: a división funcional da lingua. Non é unha cuestión de falar galego ou castelán, é unha arquitectura de control mental. O sistema operou unha neurogobernanza que lle asigna ao galego o papel de lingua do pasado, do afecto e da futilidade. Algo así como usar o pixama na casa, pero non sacalo de paseo pola rúa. Porque o sistema conseguiu que quen ousa vestir a lingua propia no mostrador do banco, ou no despacho oficial, sexa percibido como un tolo ou un desubicado; coma se alguén, nun delirio, decidise baixar á praza en roupa de cama. Como ousa usar o pixama na rúa, por Zeus!, exclama a sociedade bempensante ante a provocación de quen se nega a disfrazarse de forasteiro na súa propia terra. Ao ligar a nosa lingua exclusivamente ao folclore, ou á necrolóxica, desactívase como ferramenta de futuro.

O bilingüismo da lama fabrica un cidadán co corazón partido: un que bota o pranto en galego cando morre o vello, pero bota as contas en castelán cando lle rouban o monte. É o triunfo da nosa esquizofrenia de deseño: gardamos o idioma na caixa dos recordos, para que non moleste na seriedade do asfalto. Pero o oasis de lama perfeccionouse coa estafa da edición en galego por algoritmo. Grandes medios, que pensan e titulan en castelán, presentan edicións en galego que son simples capas de pintura industrial, aplicadas por un software californiano para cobrar a peaxe da subvención. Non hai redacción en galego, non hai alma nin pensamento na nosa lingua. Hai un copia e pega tecnolóxico que orfa o lector dunha visión propia. Cobran do erario público por simular que nos falan no noso idioma, mentres nos seguen pensando desde o alleo.

Montón de periódicos apilados sobre una superficie clara.

A santísima trindade do papel

O espectro de opinión aceptable constrúese nos despachos da prensa clásica, eses tótems que marcan o paso da procesión. El País e El Mundo son dous lumes do mesmo fogar, acuñado polo IBEX 35. Un opera como o verniz do progreso de salón e outro como o látego do rigor patrio. A súa función é converter a política nunha partida de xadrez para iniciados, onde o cidadán só pode ser espectador. Controlados, neste abril de 2026, por fondos como BlackRock ou Vanguard, a súa independencia é un conto para nenos. ABC e La Razón son o retablo barroco da dereita orgánica. Manteñen viva a estética do susto e a nostalxia, alimentando unha polarización de salón para que ninguén fale de quen queda coa herdanza, mentres nós discutimos polo cadro que os avós tiñan no salón.

Antropoloxía da telegaita

A televisión lixo non é un simple entretemento de baixa calidade; é un programa de adestramento cognitivo. Formatos como o modelo de TardeAR, ou o sensacionalismo de Espejo Público, funcionan como anestésicos de deseño. En Galicia, a CRTVG (seica que agora xa non se chama así) é a peza central dun retablo das marabillas, onde a identidade se folcloriza para domesticala. Programas como Luar, Galicia Bonita ou o lamentable Land Rover, funcionan como unha antropoloxía de escaparate: unha cultura que se celebra para que non se exerza. Neste último programa, a estratexia é especialmente perversa: a lexitimación do galego desfarrapado. Ao proxectar unha fala deturpada e castelanizada como o único rexistro posible da “retranca”, o sistema opera unha demolición estética do orgullo. É o triunfo do bufón que ri das súas propias cadeas; unha lingua reducida a xerga de bar, mutilada de calquera prestixio, para que o espectador sinta que o galego só serve para o chiste e o autoodio, mentres a seriedade do mundo se reserva para a impecable gramática do poder financeiro.

Créase un refuxio emocional de pandeireta, que impide unha análise real do país. O galego queda como a lingua do corazón que non pensa, mentres o poder real se xestiona dende a frialdade do castelán financeiro.

Do caciquismo ao capitalismo de datos

O informativo transformouse nun espectáculo de variedades, que opera mediante a banalización do dato. Ao mesturar nun mesmo bloque unha matanza xeopolítica con vídeos de gatiños, aniquílase a xerarquía da importancia. Historicamente, o Oasis Galego foi unha construción para facilitar o control territorial. La Voz de Galicia, esa vara que nos despacha a base de golpes de editorial, representa a culminación deste proceso. O xornal de Sabón abandonou a fiscalización para converterse no notario maior do reino, sostido por publicidade institucional e convenios a dedo. É a evolución histórica do feudalismo de tinta ao control de fluxos financeiros globais.

O mapa dos pensos de engorde

O cerco de figurantes fractura a conciencia de país en unidades tribais, para evitar que percibamos o todo. O Grupo Prensa Ibérica (Faro, La Opinión) son financeiros puros que entenden de balances. Activos asépticos para que o buque do patrón entre de ribada, sen que ningunha serea dea o aviso. A galeguidade impórtalles un pemento. As baronías familiares de El Progreso e La Región manteñen vivo o sistema de fidelidades decimonónico. O seu patio traseiro son as deputacións, encargados de que o cidadán mire máis a necrolóxica do veciño que o espolio do seu monte. Atlántico Diario é o sancristán que suxeita a capa ás elites de Vigo, cando o gran grupo de fóra non abonda para tapar as vergoñas.

A maxia negra do sentidiño

Neste abril de 2026, o Pazo da Lama perfeccionou a súa estratexia ao elevar o sentidiño á categoría de virtude cívica suprema. O que era unha ferramenta de supervivencia do campesiñado fronte ao poder arbitrario, mudou en mansedume inducida. Esta estratexia consegue que a neutralización do criterio sexa percibida como benestar. O galego medio mira o baleirado das comarcas e suspira un «malo será», mentres agarda a que o busto parlante da tele lle confirme que hoxe é un bo día para ir comprar toallas a Valença. O sentidiño hoxe xa no é intelixencia, é a anestesia do gando.

Epílogo: A fenda na lama

Porén, ningunha estrutura de control é perfecta. O Pazo da Lama é alto, pero está construído sobre un solo que sempre acaba por filtrar. A fenda existe. Reside en cada persoa que decide ler entre liñas e en cada cidadán que recupera a complexidade como un acto de rebeldía. A luz entra pola periferia: nos novos medios independentes que non dependen de Sabón, e nos proxectos que pensan o mundo en galego sen permiso. Abonda con que un só prisioneiro entenda que vive no Show de Truman galego, para que o decorado do oasis comece a tremer. O futuro de Galicia non está no guión que nos traduciron por algoritmo; está na nosa capacidade de volver a ser os donos dunha historia que aínda está por escribir. Porque fóra do teatro de monicreques, o país segue a berrar, e o mar, indomable, segue a reclamar o seu sitio. Incluso en Punta Langosteira.

Gonzalo Amoedo López

Categories:

Descubre más desde Lume no pazo

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo