O Miolo contra o Código:| A Atrofia do Sentido Común

“A verdadeira dignidade do home está en saber ser el mesmo, sen precisar de que lle digan como ten que ser”. Castelao.

         Andamos a perder o norte con tanto aparello colgando da nosa faldriqueira. Deixamos que unha máquina exerza máis mando en nós que o noso propio miolo. Levámolos ata o retrete, coma se as nosas deposicións precisasen dunha crónica en tempo real para informar nese caralibro (facebook para os non iniciados) cos calzóns baixados.

         Entre tanta pantalla estamos perdendo o sentido que nos mantivo vivos ata agora, ese saber lerlle a cara á xente e o sagrado valor da palabra dada. Nestes tempos que nos tocaron hai moito predicar pero pouco dar trigo. Esquecemos que a razón só vale algo cando un pon o corpo diante e sabe dar a cara.

         Hoxe en día, antes de mirar pola fiestra por ver se vén neboeiro ou sol de xustiza, consultamos a aplicación do móbil. Antes de elixir onde xantar o polbo, pescudamos as estrelas, pero as de Google, non como hai anos, en que mirabas os pousos do café ou a situación dos astros no ceo, e antes de forxar unha opinión sobre un conflito, agardamos a ver que di a corrente hexemónica das redes sociais. O que antes chamabamos sentido común, ese compás invisible forxado no trato diario e na observación directa, está en perigo de extinción. Foi substituído por un artificio mecánico que poderiamos denominar como o sentido común de algoritmo.

O fin do roce social

         O sentido común naceu da convivencia, da necesidade de sobrevivir nunha comunidade onde as palabras tiñan peso porque quen as pronunciaba tiña rostro. Se un veciño mentía, a súa vergoña era física. Se un amigo nos axudaba a subir un moble, o seu compromiso era tanxible. Era un contrato social de carne e óso sen necesidade de que o señor Rousseau andara polo medio.

         Porén, a Intelixencia Artificial ofrece unha versión aséptica desta sabedoría, unha destilación matemática de datos baleiros de alma. É unha especie de augardente de garrafón que nos tolda o xuízo sen que nos decatemos. Preséntase como un oráculo neutro, pero esa neutralidade é a soga que nos afoga. Fronte á frialdade do algoritmo, o verdadeiro oráculo non é o que che dá a solución mascada, senón o que te obriga a buscar o teu propio tino.

O martelo e o cravo

         Poderíase dicir que este é o medo de sempre, o receo ancestral ante o novo, como cando se dicía que a máquina de vapor era a máquina do demo. Se cadra, a tecnoloxía non é máis ca unha ferramenta, un martelo para cravar puntas. O problema é que, por preguiza ou por cansazo social, estamos deixando que sexa o martelo o que decida onde vai o cravo en troques de decidilo nós. Ao delegar o noso criterio non progresamos, senón que claudicamos.

         A máquina nunca entenderá que a xustiza non é una conta exacta. Ás veces ser xusto é o acto máis ilóxico e humano que existe. O código pode calcular o peso dunha bágoa, pero nunca saberá o que doe. Para o algoritmo un erro é algo que hai que borrar; para nós o erro é onde nace o perdón e a segunda oportunidade. Os humanos sabemos que a vida non é unha folla de cálculo, e que o máis razoable é confiar por puro olfacto. Esa irracionalidade é a nosa maior sabedoría, a capacidade de poñer a bondade por diante do balance de resultados.

A ágora baleira: moito ruído e ningún rostro

         Internet vendeuse como a gran praza pública, pero resultou ser un simulacro. Na praza real, cos seus bancos de pedra, a empatía era un proceso biolóxico no que o ton de voz, a mirada e o xesto preveñen a barbarie. Na ágora baleira das redes o outro non é un suxeito, é unha etiqueta.

         Vivimos nesa praza de Matrix, un escenario impecable onde todo parece real, ata que tentas tocar a pel de quen tes en fronte e só atopas o frío do cristal. Sen corpos que sintan as consecuencias do que se di, a comunicación convértese nun intercambio de obxectos. Cuantificamos o afecto en likes, esa metadona da aprobación social, pero baleiramos de significado a experiencia. O resultado é unha sociedade con moita información e ningunha sabedoría. Calquera dos nosos avós sabía máis do que pasaba na aldea, polo rastro do aire, que nós de todo o mundo por moita fibra óptica que teñamos. O sentido común pérdese porque xa non hai risco social nin pel que se poida arrepiar.

A atrofia do músculo social

         O perigo máis traizoeiro é a atrofia. O xuízo humano funciona como un músculo que murcha se non se exercita. É así de sinxelo. Se deixamos que o algoritmo decida que é o lóxico, acabaremos perdendo a capacidade de pensar por nós mesmos nunha crise. A tecnoloxía proxecta unha falsa obxectividade que anula o debate. É difícil discutir cun código que non ten vísceras nin sangue. Pero cómpre lembrar que a máquina só repite patróns, eliminando o que nos fai humanos: o erro, a ferida e a compaixón.

Unha chamada á presenza

         O sentido común hoxe está en excedencia forzosa. Mentres nos empeñamos en mellorar a tecnoloxía para que pareza máis humana, esquecemos que a humanidade non se simula, senón que se exerce. O risco é que o noso xuízo esvaézase ata o punto de non saber distinguir a realidade do decorado. Como naquel mundo embrutecido da película Idiocracia, onde regaban os campos con refrescos porque tiñan electrólitos, corremos o risco de esquecer que as plantas o que teñen é sede de auga.

         O reto do noso tempo é volver a poñer os pés na terra. Recuperar a presenza e a responsabilidade individual como as únicas fontes válidas de sabedoría. Porque á hora da verdade ningunha intelixencia artificial poderá sentir o peso dunha decisión nin a calor dunha aperta. E niso precisamente consiste o sentido común, en sentir, en estar e en ser. O resto é ferralla.

Gonzalo Amoedo López

Categories:

Descubre más desde Lume no pazo

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo