Galiza é unha nacionalidade, e como tal foi recoñecida en Berna, pol-o IX Congreso das Minorias Nacionaes Europeas, adscrito á Sociedade das Nacións. Tamén está recoñecido pol-a Terceira Internacional como nación asoballada. Pero hai galegos antifeixistas que aínda non-o saben e hainos que non-o queren creer. E por esto eu propóñome demostrar que Galiza é unha unidade nacional perfeita, e que, pol-o tanto, ten dereito a dispor dos seus destinos.
Para saber o qué unha nación, como anexo do Estado (…) apelarei, en troques, á definición que dá Stalin, porque, a este respeito, é un autor libre de ofuscacións filosóficas:
“Nación é unha comunidade estable, históricamente formada de idioma, de territorio, de vida económica e de hábitos psicolóxicos reflexados núnha comunidade de cultura”. “Somentes a eisistencia de todol-os siños distintivos, en conxunto, pode formar a nación”.

Compre decir que apelo a Stalin, non por sentirme inclinado â organización internacional que él dirixe (eu vivo en latitudes moi distantes do comunismo), senón porque no problema das nacionalidades abraza, con decisión, o ideal patriótico da liberdade. Apelo a él porque recoñece o dereito das nacionalidades, dentro d-unha unión de Estado, e dá solución xusta ao problema que plantean os povos diferentes que non renuncian â ideia d-unha unidade superior. Pero, sobor de todo, apelo a este home porque non é un simple teorizante, pois sostén práiticamente o derradeiro e máis racional tipo de federalismo.
Alfonso R. Castelao
