Estamos fartos de saber que o povo galego fala un idioma de seu, fillo do latín, irmán do castelán e pai do portugués. Idioma apto e axeitado para ser vehículo d-unha cultura moderna e co que aínda podemos comunicarnos con máis de sesenta millóns de almas.
O galego foi instrumento maravilloso da grande e única poesía lírica de Hispania e n-él escrebían con enxeños peminsuares –tanto de dentro como de fora de Galiza–, cando a lingoa de Castela non tiña categoría literaria. O galego é un idioma estenso é útil, porque –con pequenas variantes– fálase no Brasil, en Portugal e nas colonias portuguesas. O galego resurdeu no século pasado con poetas tan esgrevios como Rosalía, Curros o Pondal. O noso idioma ten tal fermosura que un poeta andaluz como García Lorca –o poeta mártir–, non foi quén de resistir o seu engado e compuxo poemas en galego. O galego –somentes refugado pol-os señoritos ou por traballadores que queren ser señoritos– é hoxe o idioma que ainda que carecera de tantos méritos contraídos. abondaríalle ser a fala do povo traballador para estar diñificado de por sí, pois o galego é unha executoria viva do traballo e unha cédula honrosa de cibdadanía e democracia. Non esquecemos que si ainda somos galegos é por obra e gracia do idioma.
A esta fala popular, viva e groriosa, os imperialistas chámanlle dialecto. Mais eu perguntaríalles: “¿Dialecto de qué idioma?”. “¿Do que vós chamades español?”. De ninguna maneira, porque o idioma que vós impuxéchedes pol-a forza é un irmán menor do galego. “¿Acaso queredes decir que é dialecto do latín?”. Pois entón chamádelle dialecto ao francés, ao italiano, ao rumano, porque tamén son fillos do latín e irmáns do galego.

E diríalles máis: “Prohibíchedes o galego nas escolas para producir no esprito dos nenos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolles creer que falar galego era falar mal e que falar castelán era falar ben. Expulsáchedes o galesgo das eirexas, facendo que os representantes de Cristo esplicaran o Evanxeo no idioma oficial, que o povo non falaba nin comprendía ben. Refugáchedes o galego ante os Tribunais de xusticia e chagáchedes a castelanizar bárbaramente as toponimias galegas. ¿E de qué vos valeu? Porque dispóis de máis de catro séculos de política asimilista, exercida con toda riqueza de astucias e violencias, o noso idioma está vivo. Sodes, pois, uns imperialistas fracasados.
Algúns galegos de bóa fé coidan que o cultivo de noso idioma é unha impedimenta de traballo na emigración. Mais eu quero invitalos a meditar: ¿Pensades que a nosa Terra pode seguir sendo un criadeiro de carne humán, para enviar ás Américas en paquetes teutóns? Porque o noso deber está en asegurar o dereito ao traballo remunerado, para que ningún irmán noso emigre por necesidade. ¿Pensades que os galegos poden seguir andando pol-o mundo a ofreceren indiñamente a mercancía dos seus lombos e dos seus brazos? Porque o noso deber está en armar ao povo dúnha intrución primaria, profesional e téinica, que lle permita ser diño en todas partes, i en todas partes atopar as ventaxas que se lle oferecen a un inglés, a un alemán… ¿Ou é que na emigración resulta superior un castelán a un galego por falar unha língoa máis extensa? A superioridade non está no idioma que se fala; está no que se sabe, no que se di e no que se fai.
Algún homes –galegos tamén– andan a falaren dun idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfeición baixando pol-a escala zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produz a sabiduría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, co-a súa variedade de culturas, é o siño distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animaes. Velahí vai a demostración. Un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das Pampas arxentinas rincha igual que un cabalo de Bretaña. ¿E sabedes por qué? Porque os probes animaes aínda están no idioma universal…
Un idioma non nasce pol-a vontade xenial d-un grupo de homes; nasce pol-a predisposición psicolóxica d-un poco, que, en condicións históricas favorables, crea unha cultura e a súa correspondente maneira de espresión. Porque un idioma é o copor sensible dúnha cultura, e todo atentado â língoa peculiar d-un povo representa un atentado â súa cultura peculiar. Mais os povos teñen unha forza máxica, invulnerable, e por eso as nacións asoballadas poden verse privadas do seu poder creador, ou poden convertirse en parásitos da cultura domiñante; pero endexamáis se deixan asimilar. O problema do idioma en Galiza é, pois, un problema de diñidade e de liberdade; pero máis que nada é un problema de cultura. Estamos fartos d-esa cultura esterilizada que nos fan mamar por biberón. Nós queremos mamar a cultura na propria teta. Pedimos garantías legaes para o desenrolo natural do noso esprito, porque queremos volver a presentarnos diñamente no mundo, levando nas mans o ouro da nosa cultura (sabiduría manifestada) para ofrendarllo ao acervo espiritual da Humanidade.
As numerosas caras do problema dan materia para un libro; pero co dito xa queda patente a coincidencia do galeguismo coas doutrinas máis prestixiosas e predomiñantes n-este punto concreto das nosas reivindicacións. Quero afirmar, tamén, que a ideoloxía liberal –defensora da diñidade dos homes e da autonomía moral dos povos– non pode refugar os nosos anceios de liberdade, afincados en principio de xusticia e de progreso.
A solución do problema –tanto político como pedagóxico– darémola no seu dia. Por agora abonda co dito.
Alfonso R. Castelao – Sempre en Galiza
